Friday 03 de May de 2024

Neda abre o prazo de renovación de praza para o actual alumnado da Escola infantil municipal Os Pelegríns


O Concello de Neda inicia hoxe o proceso de reserva de praza dos estudantes da escola infantil Os Pelegríns de cara ao curso 2024-2025. As familias dos actuais alumnos e alumnas que estean interesadas en que os menores sigan utilizando este servizo socioeducativo de conciliación, que seguirá sendo gratuíto, terán de prazo ata o 15 de marzo para formalizar a solicitude.

Segundo explican dende os Servizos Sociais, deberán cubrir o impreso facilitado na propia escola infantil e presentalo, xunto á documentación complementaria (relativa a datos fiscais e cambios na situación socio familiar susceptibles de baremación) no rexistro xeral do Concello, ben achegándose á Casa Consistorial ben a través da sede electrónica.

A escola, situada xunto ao paseo marítimo de Xubia, vai dirixida nenos e nenas de entre tres meses e tres anos que residan no municipio, e abre durante todo o ano entre as 8 e as 16 horas. Nese tempo, en función das necesidades dos proxenitores de conciliar vida familiar e laboral ofrece a alternativa de xornada completa ou parcial, dispoñendo ademais de servizo de comedor con cociña propia.

O proceso de renovación de matrículas determinará o número de prazas de novo ingreso que se ofertarán de cara ao vindeiro curso académico. A quenda para solicitar a admisión na escola estenderase do 20 de marzo ao 15 de abril, tendo preferencia de acceso os cativos con irmán ou irmá con praza renovada, aqueles que sumen maior puntuación por cuestións sociais (renda, situación laboral e social dos proxenitores, familias monoparentais…)